Saturday 18 de May de 2024

Xosé Luís Sánchez Ferraces presenta en Noia o libro “Baixo o signo da bipolaridade: a poesía de María Mariño Carou”


 

A casa da cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia acolleu na noite de onte venres a presentación do libro “Baixo o signo da bipolaridade. A poesía de María Mariño Carou”, un ensaio sobre a figura da poetisa noiesa escrito polo profesor Xosé Luís Sánchez Ferraces. O autor estivo acompañado polo alcalde, Santiago Freire; Xerardo Agrafoxo, da Asociación Cultural Barbantia; e Xosé Deira, ex alcalde de Boiro.

Sánchez Ferraces explicou que este libro é produto dun longo traballo xa que “comecei a pensar nel en 2006 e acabeino no 2016, levoume dez anos”. Tras recoñecer a súa fascinación pola figura de María Mariño dende os anos 70, recoñeceu que “é unha autora moi complicada, que esixe unha alta colaboración do lector”, apuntando que “a clave da poesía de María Mariño estaba na súa enfermidade, nese trastorno bipolar”. Así mesmo, recomendou aos presentes “ler os poemas de María Mariño e completar esa lectura con este libro”.

Pola súa banda, Xerardo Agrafoxo recoñeceu que o libre “sorprendeume. É un libro maxistral e necesario porque durante moitos anos moita xente pensou que María Mariño era un pseudónimo de Uxío Novoneyra. Queda claro que era unha escritora dunha alta categoría”. Así mesmo, asegurou que o libro “é un traballo dun filólogo porque está moi ben escrito e moi ben tecido. Como biógrafo de María Mariño recoñézoche o traballo e douche as grazas”.

Finalmente, Santiago Freire agradeceu a “clase maxistral” ofrecida por Sánchez Ferraces sobre María Mariño e sobre unha enfermidade como o trastorno bipolar. “María Mariño era unha profunda descoñecida para gran parte do público ata que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2007. Pese a convivir parte da súa vida con ese trastorno, tivo unha capacidade creativa e foi quen de elaborar eses versos e de facernos desfrutar con eles”. Así mesmo, agradeceu a colaboración de Xosé Bravo e Xosé Deira, ex alcaldes de Rianxo e de Boiro, pola súa colaboración na edición desta obra.

Baixo o signo da bipolaridade

“Baixo o signo da bipolaridade. A poesía de María Mariño Carou” é unha monografía de Xosé Luís Sánchez Ferraces sobre a figura de María Mariño, poetisa nacida en Noia o 8 de xuño de 1907 e á que lle foi dedicado o Día das Letras Galegas de 2007. Unha muller que se fixo poetisa nas terras do Courel, onde durante 20 anos soportou as súas depresións escribíndoas. Un universo escuro que recolle con pericia e eficacia o profesor Sánchez Ferraces.

Xosé Luís Sánchez Ferraces (Ferrol, 1946) cursou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1972 obtivo a licenciatura en Filoloxía Románica e posteriormente o Grao coa defensa da tese “Introdución á lectura d’A Coutada de Vicente Risco”. Profesor de lingua e literatura galegas, exerceu o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela, como profesor adxunto interino, e na Universidade de Vigo, como profesor titular de Escolas Universitarias na área de “Filoloxías galega e portuguesa”. As súas investigacións céntranse na análise e interpretación de textos narrativos e poéticos tanto de escritores galegos (Rosalía de Castro, Vicente Risco, Castelao, Celso E. Ferreiro, Carlos Casares) como de escritores portugueses (José Gomes Ferreira, José Saramago, Mário de Sá-Carneiro) e hispanoamericanos (Julio Cortázar).